
Presentamos REC-ORDAR
Cada ano queremos visibilizar o noso patrimonio mariño e achegar un recurso identitario do pobo ao público do Osa do Mar.
Para esta primeira edición recollemos a idea da “Ruta do Quitapenas” realizada no ano 2010 na Festa da Marosa. Convidámosvos a camiñar con nós escoitando ao grande mestre e lobo de mar Balbino Trelles, quen nos traerá un ollar máis alá do salitre portuario para terrícolas. Un camiño polas emocións partilladas das pedras, cons ou rochas que vemos desde a barreira de formigón dos paseos marítimos. Quitar as penas recordando o nome das “penas” do noso entorno, nomes que non se poden atopar en ningunha carta mariña.
Saída ás 16:00h da Praia de Ril e chegada sobre as 17:45h ao Barco Museo (o sábado 2 de setembro). Moitas grazas a todas as persoas que fixeron realidade esta proposta.
Os debuxos son de Ana Moreiras @moreiras26